sábado, 2 de novembro de 2013

Unha mañá con Xulio

         A raña ou liña dos polbos é unha  das artes de pesca  máis antigas de Galicia. Meu avó facías cunha galla de pau  na que se amarraban dúas picas e unha pedra e sobre esta prendía o isco que consistía  nun cangrexo, un peixe ou ambos.





O mariñeiro, coñecedor do medio onde viven os polbos, achega o seu bote axudándose das marcas ata o mar de  fondos areosos na periferia das laxes, onde se refuxian nas chamadas coveiras ou cuncheiras que eles mesmos constrúen con cunchas de moluscos e restos de crustáceos. Lanza as rañas ao mar e sostén unha en cada man mentres voga amodo bordeando a laxe.







Cando o polbo pousase sobre a raña, habilmente detecta ese cambio no peso da raña e no momento preciso recolle a liña. Axudándose cun bicheiro mete o polbo a bordo e fíreo de morte cortándolle entre os ollos cun coitelo.




Nos anos 70, coincidindo co auxe do turismo e as melloras de conservación e transporte do peixe, está arte de pesca foi mudada por outra moito menos tradicional pero máis produtiva, a nasa dos polbos que son unha modificación da nasa das nécoras utilizadas dende os anos cincuenta, onde a porta circular de entrada da trampa e de plástico e máis longo para evitar que os cefalópodos escapen de dentro da trampa. Actualmente a nasa é a responsable do 93% do polbo capturado.




A Xulio ensinoulle a pescar polbos o seu pai e  tamén o dito que anuncia mentres lanza a raña con forza ao mar " Vaite con Deus e vente cun polbo".   Dito e feito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario